Que importante e necesario é beber!
A auga é insubstituíble para manternos sans e hidratados pois proporciona minerais que favorecen aos nosos dentes e ósos.
Así de importante é a lectura, a lectura é como o esqueleto da nosa mente, pensamento e vida, con ela introducímonos no mundo dos soños, de fantasías, de desexos, de historia...
Grazas a ela, non só adquirimos novos coñecementos e melloramos a expresión oral e escrita senón que desenvolvemos a razón, o sentido crítico e o pensamento libre.
Para conmemorar o día do libro, que se celebra o domingo 23 de abril, os alumnos do Colexio Monterrey mostráronnos os seus "pequenos sorbos de grandes libros".
Cada alumno decorou un vaso refugable e escribiu nun folio o título do libro que está a ler da biblioteca do centro, ademais da frase que máis lle gustou.
Agora só nos queda esperar con alegría a chegada do próximo luns 24, xa que, os alumnos maiores do centro escollerán o mellor de cada aula e outorgaranlles un premio.
Os nosos alumnos móstrannos que un pequeno sorbo diario de lectura é tan conveniente como a auga día a día.
E convídanvos a que bebades, pequenos sorbos de grandes libros.
Ademais desta actividade e relacionándoa coa renovación da biblioteca, desde o centro estamos a realizar o expurgo de exemplares que xa se quedaron un pouco obsoletos ou non se atopan nas mellores condicións que desexamos.
Por este motivo, puxemos na entrada do centro dous carriños ao dispor das familias e alumnos con todos estes exemplares en forma de agasallo, para así darlles unha segunda vida.


No hay comentarios:
Publicar un comentario